O sindicato Unións Agrarias vén de constatar prexuízos e parcialidade na actuación do presidente da Comisión Nacional da Competencia cara os gandeiros galegos ao actuar de oficio para cuestionar o novo decreto do sector lácteo e non facelo, nin sequera cando hai reiteradas denuncias, ante as prácticas monopolísticas e abusivas por parte da industria e a distribución.
Así, o titular deste organismo, Luis Berenguer Fuster, puxo en dúbida a legalidade do novo decreto do sector lácteo no que atinxe á posibilidade de que as organizacións de produtores negocien os termos dos contratos cos compradores de leite cru e o réxime dos acordos da organización interprofesional láctea.
Unha vez máis a Comisión Nacional da Competencia pon trabas á negociación por parte dos produtores dos contratos entre eles mesmos e a industria mentres que mira cara outro lado e evita actuar de oficio cando é a distribución a que fixa os prezos do leite aos gandeiros a través da industria e o prezo de venta final no mercado aos consumidores.
Ademais, permite que a venta a perdas dos produtos lácteos non actuando sobre prácticas como a utilización do leite como produto reclamo en superficies comerciais. Para UUAA, a CNC realiza un traballo preventivo para consolidar as prácticas abusivas que está a realizar a industria cos gandeiros.
Deste xeito, non ve inconveniente algún en feitos como que Lactalis pague un prezo polo leite en Francia superior ao que paga a gandeiros españois, regulando así o mercado e o sector en función dos seus intereses empresariais.
Finalmente, cabe destacar que noutros países como Francia e Italia xa teñen acadado importantes acordos no sector lácteo, nos que tamén participaron os produtores, sen que os seus tribunais da competencia actuasen. Para Unións Agrarias non se entende a interpretación que fai a Comisión Nacional da Competencia española da normativa europea que se contradí coa actuación dos mesmos organismos en Italia e Francia.
A organización sindical reitera que a actuación do titular da CNC está a desautorizar o traballo realizado polo Goberno central na elaboración do decreto do sector lácteo polo que esixe á vicepresidenta Económica, Elena Salgado, o cese inmediato de Luis Berenguer Fuster, pola súa provocadora parcialidade a favor das industrias e reiterada animadversión para cos produtores lácteos.
Resulta de todo punto inaceptable que o responsable do organismo que debe velar polas boas prácticas económicas, manteña de xeito constante unhas formas e un fondo que son completamente opostas a transparencia comercial co aparente obxectivo de que a industria manteña o dereito de pernada para coas explotacións gandeiras galegas.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.