Unha comitiva do Sindicato Labrego Galego acudirá o vindeiro luns, 14 de abril, ás 12:00 horas, até o Concello de Oroso para rexistrar un escrito dirixido ao pleno coa intención de recabar o seu apoio ás explotacións afectadas polos impagos de Lácteos Tambre e cuxas débedas se remontan a comezos de 2011. Deste xeito, o SLG pretende esgotar a vía política despois de que a empresa, tras ser condenada pola xustiza a pagar as súas débedas e a serlle embargados tódolos seus bens, se declarase sen fondos para eludir as sentenzas; despois de que a Conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, lle dese as costas aos gandeiros e gandeiras tras ser interpelada ao respecto polo BNG, no Parlamento de Galicia, o 9 de maio de 2012; e despois de que o Ministerio de Agricultura lle concedese máis licenzas de primeiros compradores á familia propietaria para seguir operando impunemente no mercado do leite con outras empresas como Lácteos Merza e Logística Alimentaria.
Tras rexistrar o escrito no concello, o SLG realizará unha concentración de protesta para denunciar a actitude mafiosa da familia Sangiao, cuxos membros dirixían Lácteos Tambre antes de desmantelala e dirixen agora Lácteos Merza e Logistica Alimentaria. A pinga que colmou o vaso foron as graves ameazas e a agresión que Xosé Manuel Calvo, gandeiro de Oroso e membro da Executiva do SLG, sufriu a mans de Brais Sangiao Ríos, fillo do patriarca da familia -Ramón Sangiao Gómez-, o pasado 4 de abril. Este feito foi denunciado diante da Garda Civil e está agora en mans da equipa xurídica do Sindicato Labrego Galego. Deste xeito, a violencia física vén sumarse ao amplo historial delituoso dos Sangiao, que xa teñen sido procesados e condenados por especular coa venda de leite negro fóra de cota, pola estafa de transformar o gasóleo agrícola en gasóleo A, ou por estes impagos pertinaces a ducias de explotacións gandeiras que lles fornecían de leite.
Trala concentración de denuncia, as persoas participantes realizarán unha marcha camiñando até a sede de Lácteos Tambre, en Penateixa (a 1 km do concello).
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.