O sindicato Unións Agrarias agarda que os resultados da reunión, en plena caravana electoral, do presidente da Xunta coa nova ministra de Agricultura para corrixir o paquete lácteo, vaian máis alá das boas palabras e se concreten nunha modificación profunda da norma. Despois de 18 meses de fracaso do decreto, resulta intrigante que sexa precisamente nesta semana cando se aposta pola modificación do mesmo, emendando a acción política do ex ministro Arias Cañete e vindo a recoñecer o que os produtores viñan reclamando desde hai ano e medio.
Neste sentido, UUAA insiste, tal como xa lle trasladara a Isabel García Tejerin e conselleira Rosa Quintana, que é preciso establecer unha duración mínima de dous anos dos contratos polos que se regula a venda de leite para protexer os gandeiros galegos do risco de que en certas zonas no se lles recolla o leite no escenario sen cotas lácteas que se abrirá o 1 de abril de 2015. O sindicato considera imprescindible que este novo modelo estea operativo na renovación dos contratos este mesmo xullo.
Por outra banda, o sindicato lembra que é imprescindible que as industrias estean obrigadas legalmente a presentar aos gandeiros un contrato por escrito que contemple prezos, volume e forma de pagamento; así como que se habilite dunha vez o mediador para que realmente exista negociación entre as partes nun sector no que se intercambia un ben perecedoiro.
Despois desta reunión dos máximos responsables de Xunta é Ministerio de Agricultura, non hai ningunha escusa para non perseguir a venta a perdas que se realiza mediante a introdución de cisternas de leite doutros países en territorio galego e que se fixe un prego de sancións económicas reais para castigar a quen incumpra algún dos anteriores preceptos.
Finalmente, UUAA propón que a Administración controle que nos contratos desta última campaña non se supere unha sobreprodución do 5%, para evitar o pagamento dunha multa multimillonaria pola supertaxa. Con este mecanismo, lograríase unha distribución equitativa das posibilidades de sobreprodución dos gandeiros, o que implicaría impedir que os máis potentes entreguen aos seus receptores ata un 30% de leite de máis, o que arrastraría ao resto ao abono da sanción.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.