Tras celebrarse el 7 de xuño, unha xuntanza entre o senador do PP por Lugo, Xosé Manuel Barreiro, e as tres organizacións agrarias, o Sindicato Labrego Galego agarda que os populares se manteñan firmes no seu compromiso de buscar fórmulas que permitan incluír na Lei da Cadea Alimentaria -na actualidade, en trámite parlamentario- a prohibición de vender leite e outros produtos agrarios por baixo dos custes de produción. O desenvolvemento da xuntanza foi positivo se atendemos ás informacións que compartiu cos sindicatos Xosé Manuel Barreiro, que se amosou optimista de cara a que a Lei da Cadea Alimentaria inclúa referencias aos custes de produción cumprindo, deste xeito, coas demandas do sector lácteo. Para o SLG é positivo que o PP faga súas tamén estas demandas históricas dos sectores agrogandeiros galegos, e agardamos que cumpra as súas promesas ao respecto.
Cómpre lembrar que, no pasado mes de novembro, no contexto da folga de entregas do leite, e en sucesivas xuntanzas co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e outros políticos populares, se nos prometeu ás tres organizacións agrarias que o PP de Galicia ía facer todo o posible para que a futura Lei da Cadea Alimentaria incluíse no seu articulado a prohibición de vender produtos agrogandeiros por baixo dos custes de produción, unha medida indispensable para a supervivencia do sector lácteo galego, que está a percibir uns prezos ruinosos polo leite.
Nembargante, e polo de agora, aínda non se incluíu esta medida no texto da lei. Para o SLG, o Partido Popular de Galiza só ten dous xeitos de cumprir os seus compromisos e promesas para co sector lácteo: unha, incluír no articulado da lei a prohibición de vender por baixo dos custes de produción ou algunha fórmula que vaia nesa dirección; ou, dúas, votar en contra da lei en caso de que o texto non inclúa ese particular.
Dende o SLG, agardamos que o PP non desperdicie esta oportunidade histórica para rematar cunha realidade na que as industrias e distribuidoras explotan de xeito leonino e mafioso ás explotacións do noso país, afundindo cada vez máis as principais actividades xeradoras de riqueza que manteñen vivo o escaso tecido social que sobrevive no noso campo.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.