Dende o Sindicato Labrego Galego, instamos ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a poñerse do lado dos labregos e labregas da Galiza expresando publicamente o seu rexeitamento ao informe da Comisión Nacional da Competencia (CNC) sobre o borrador da Lei da Cadea Alimentaria. Como xa denunciou o SLG, este informe pretende abortar a introdución de prohibir as vendas por baixo dos custes de produción no texto definitivo da lei1. Para apoiar esta proposta, Feijóo debería facer que o PP de Galicia alegase o texto da lei pedindo que se introducise a prohibición de vender por baixo dos custes no articulado da lei, tal e como fixeron as outras forzas políticas do arco parlamentario galego. Se Feijóo non se opón ao informe da CNC e non fai que o seu propio partido alegue a lei para que se redacte en función dos intereses dos labregos e das labregas, dende o SLG entenderemos que, unha vez máis, os gobernos da Xunta e do Estado se poñen da banda das industrias e das distribuidoras para dar continuidade á extorsión legal ás explotacións agrogandeiras con prezos en orixe que nin sequera cobren o custe da actividade, e con condicións contractuais e comerciais leoninas que atentan contra as normas máis elementais do comercio. Non esquezamos que este tipo de prácticas de compravenda están detrás do peche de miles de explotacións en todos os sectores agrogandeiros, especialmente no lácteo, que levou, co paso dos anos, ao desmantelamento e desertización do noso medio rural, ao ficar en amplas zonas sen o seu principal motor económico.
O Sindicato Labrego e os diversos sectores agrogandeiros da Galiza levamos décadas reclamando unhas relacións comerciais xustas que, necesariamente, deben pasar polo pagamento de prezos remuneradores en orixe que cubran os custes de produción e proporcionen unha renda digna aos e ás profesionais da agricultura. Se Feijóo cala diante do ataque dun ente descaradamente parcial e servil coas industrias e as distribuidoras como a CNC, e se o seu partido non tenta modificar o texto da lei para que se prohiban as vendas a perdas, entón estará desperdiciando a oportunidade histórica de apostar por solucionar un dos principais problemas dos labregos e labregas da Galiza e estará a dar as costas ao noso medio rural. Precisamente por este problema, polos prezos agrarios de miseria, o noso campo leva anos esmorecendo e sufrindo unha desintegración que corre perigo de facerse irreversible sen un decidido impulso da agricultura e da gandería como única garantía de manter un medio rural vivo e con futuro.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.