O Sindicato Labrego Galego pide ao Ministerio de Agricultura que tome partido polas explotacións e polos labregos e labregas e inclúa no articulado da Lei da Cadea Alimentaria a prohibición de que se impoñan prezos por baixo dos custes de produción, unha práctica a todas luces abusiva que arruinou e segue a arruinar a miles de explotacións e que atenta contra os principios máis básicos das relacións comerciais. E esa toma de partido tense que traducir en desautorizar o informe que vén de publicar a Comisión Nacional da Competencia (CNC) no que arremete, precisamente, contra esta prohibición por entender que “supón incluír no proxecto un mecanismo de fixación de prezos mínimos”.
Non sorprende que a CNC arremeta contra a prohibición de vender por baixo dos custes, a pesares de que tal práctica sexa consecuencia da posición de dominio e abuso de industrias e distribuidoras. E non sorprende porque a CNC sempre mantivo un silencio cómplice diante de prácticas mafiosas e de distorsión en sectores coma o lácteo, onde as industrias se reparten as súas zonas de dominio como se fosen feudos intocables, onde se pactan descaradamente prezos por baixo dos custes de produción, onde as explotacións non teñen liberdade para cambiar de comprador cando lles praza, onde se redactan contratos con condicións leoninas para os produtores e produtoras, etc. É a mesma CNC que ignora unha e outra vez os informes de diversos entes que coinciden en denunciar esa posición de dominio e abuso das industrias sobre as explotacións: as comisións da competencia de Galiza e Cataluña, o Grupo de Alto Nivel para a elaboración do paquete lácteo na Unión Europea ou o Consello Económico e Social Europeo xa denunciaron este tipo de prácticas que a Comisión Nacional da Competencia do Estado Español parece non poder ver.
Por ser tan descarada a posición parcial da CNC a favor de industrias e distribuidoras no sector agroalimentario, dende o Sindicato Labrego Galego instamos ao Ministerio de Agricultura a que defenda ás explotacións e inclúa a prohibición de impoñer prezos por baixo dos custes de produción na Lei da Cadea Alimentaria. Ademais, animamos ao departamento que dirixe Arias Cañete a poñer en coñecemento das autoridades competentes a parcialidade da CNC para que se investigue e dilucide se existen conexións entre os seus membros e as industrias e empresas de distribución e, de ser así, se emprendan as accións legais pertinentes para que este organismo público garanta realmente os dereitos de todos os axentes que operan nos diversos sectores agrogandeiros, dende os labregos e as labregas até as persoas que consumen os produtos finais. Non esquezamos que, aínda que a CNC se defina como un organismo público independente do Goberno, os seus membros son nomeados polo Consello de Ministros, o cal, polo tanto, tamén ten poder para cesalos se non cumpren coa función que lles foi encomendada.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.