O sábado, 9 de xuño, nun horario de 10:00 a 14:00 horas, inaugurarase o mercado semanal do Alimento Labrego de Teo, na praza dos Tilos. As previsións iniciais apuntan a que acudirán ao redor de quince expositores nos que labregos e labregas da contorna compostelá venderán os alimentos que producen.
A intención fundamental desta actividade é a de posibilitar un espazo de venda directa como alternativa de futuro para as produtoras e produtores da zona. Con esta liña de fondo, o mercado nace como un proxecto de acción e sensibilización colectiva, para favorecer o consumo de alimentos locais e de tempada, e para recuperar a idea do mercado como espazo social e de encontro. Dende o Sindicato Labrego Galego cremos que, no contexto de crise estrutural na que nos atopamos, as alternativas de futuro pasan por este tipo de apostas, que teñen na soberanía alimentaria o seu marco de acción.
Esta iniciativa tivo o seu comezo no 2011, cun curso de agricultura ecolóxica do concello de Teo en colaboración co Sindicato Labrego. Despois da boa acollida deste curso, e coa ilusión das produtoras e dos produtores da comarca, considerouse moi importante que fose neste concello onde se albergase un mercado destas características.
O desenvolvemento de mercados coma este é tamén unha vía para xerar emprego rural, especialmente nestes momentos no que o paro ameaza a unha parte importante da poboación. Precisamos buscar alternativas, e a produción de alimentos sans e de calidade é unha delas.
Este mercado bota andar co compromiso dun grupo de labregas e labregos da comarca, agardando que se sumen moitas e moitos máis. No mercado poderemos atopar espazos diferenciados: agricultura ecolóxica certificada, alimentos naturais e sostibles, producións caseiras, etcétera.
Como traballo previo á inauguración deste mercado, produtoras e produtores do Sindicato Labrego Galego da comarca, xunto con persoal do Concello de Teo, están levaron a cabo unha campaña de sensibilización das consumidoras e consumidores con charlas informativas en Calo, Recesende, Os Tilos e Cacheiras, que tiveron moi boa acollida.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.