O secretario de Vacún de Leite e Gandería Intensiva, Javier Iglesias alertou da situación explosiva que se está a preparar no sector lácteo galego derivada das consecuencias dunha falta de políticas que o fomenten e que aposten verdadeiramente polo seu impulso e desenvolvemento. Javier Iglesias salientou situación de desesperación dos produtores lácteos que ven como cada día desaparecen as posibilidades de rendibilidade das súas explotacións.
Precisamente, UUAA tivo noticias de que esta mañá un grupo de produtores realizaron unha serie de protestas en distintos núcleos de Galicia contra industrias lácteas como medida de denuncia da difícil situación que se está a vivir neste sector. Para a organización sindical, esta é unha mostra da desesperación que se respira no sector.
Así, o secretario de Vacún de Leite destacou que ante a situación electoral na que estamos inmersos é posible que a aplicación do decreto lácteo se demore ata o mes de abril do vindeiro ano, co que continuarán sen regularizarse as relacións entre industria e produtor. Neste contexto, España seguirá sendo deficitaria en leite e seguirase a incrementar a fenda existente entre o prezo do leite pagado en Galicia con respecto ao resto das Comunidades Autónomas e tamén con respecto a Europa.
A isto hai que engadir, salientou Javier Iglesias, a falta de acción do Servizo Galego de Defensa da Competencia que ten desde hai seis meses unha denuncia en firme realizada por UUAA contra a falta de legalidade e as prácticas monopolísticas dalgunhas empresas. Non se entende, a xuízo do secretario xeral, a demora que se está a producir neste procedemento.
Nesta conxuntura, seguirase a debilitar a baixa rendibilidade das explotacións agravada polo incremento do custos de produción e as consecuencias da seca que se está a vivir en Galicia.
Grave defecto
Sobre a reforma da PAC, Javier Iglesias destacou que non corrixe un dos graves defectos existentes na actual como é o feito de que se continúa fomentando o feito de que poida recibir axudas derivadas dunhas rendas que apenas superan o 5% de rendibilidade, prexudicando a aqueles que se dedican plenamente a actividade agrogandeira.
O secretario de Vacún de Leite de UUAA alertou sobre o problema de territorialidade que sofren as explotacións galegas e salientou que nesta Comunidade existen 28.000 explotacións que carecen de territorio polo que instou ao presidente da Xunta de Galicia a facer unha política seria de base territorial afianzada no banco de terras ou de accións de presión fincas abandonadas que por outra banda, soen ser foco de incendios forestais.
Por outro lado, alertou de que a nova PAC non regula o mercado nin a formación do prezo.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.