A comisión executiva de Xóvenes Agricultores decidiu acudir á manifestación convocada por “SÓS contra o lume” para o próximo martes día 17, para reclamar que se constitua unha comisión de investigación que depure as responsabilidades da Xunta de Galicia na xestión dos incendios forestais deste verán.
Nin a nosa organización nin a os nosos asociados entende como dende instancias gubernamentais, e tamén dende as filas dos seus valedores no seo da sociedade galega, se fixeran imputacións de sabotaxe, terrorismo, estratexias e loxísticas perfectamente deseñadas por grupos organizados para queimar o monte (e desacreditar á Xunta), e que agora se neguen a crear unha comisión de investigación.
Semella claro que o Goberno galego xa non quere saber quen foron os incendiarios, nin porque se produciu a catástrofe, entre outras cousas porque no fondo saben que son responsables. A Organización Profesional Agraria Xóvenes Agricultores anima a tódolos seus afiliados a asistir á manifestación que a plataforma “SÓS contra o lume” convocou para o vindeiro martes día 17, en Santiago, para amosar a nosa indignación ante o feito de que por primeira vez na historia recente de Galicia os que vivimos do medio rural estivemos sós ante a maior catástrofe acontecida no noso medio de vida por mor da mala xestión, a incapacidade e a neglixencia da Consellería de Medio Rural. Son moitos os asociados que por primeira vez dende 1989 viron como ardían as súas propiedades, sufriron danos irreparables nas súas explotacións gandeiras, vitivinícolas, hortícolas e forestais sen que unha administración pouco previsora, incompetente e manipuladora fixera nada excepto orientar á opinión pública urbana para agachar a súa responsabilidade.
Santiago, 9 de setembro de 2006
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.