O pasado 8 de setembro, o Secretario de Estado para a Agricultura, Fernando Moraleda, reuníase con representantes das organizacións agrarias galegas, das cooperativas e da Consellería do Medio Rural para comunicar o compromiso do Ministerio de Agricultura de poñer en marcha medidas para que ningunha explotación leiteira tivera que pechar por mor da supertaxa. Para isto, anunciou como primeira medida o aprazamento do pago da supertaxa a tres ou catro anos e sen ningún custe para as explotacións.
O sábado pasado, cando faltaban setenta e dúas horas aínda para que finalizase o período voluntario de pagamento da supertaxa, o SLG xa denunciaba publicamente que a inmensa maioría das empresas que recollen leite na Galiza non se estaban acollendo ao aprazamento e estaban impoñéndolle aos labregos e labregas as súas propias condicións de pagamento. Condicións difíciles de asumir para as economías de moitas explotacións, dándose situacións de familias que este mes non percibirán nin un só céntimo polo leite vendido e, mesmo algunha que xa será o segundo mes que non percibe absolutamente nada. Hai explotacións foron ameazadas con ultimatums de que, se non pagan esta semana, terán que facelo despois con fortes recargas. Noutros casos, moitas familias atópanse cun fraccionamento da multa nos prazos que lle convén á empresa e sen posibilidades de realizado en tres ou catro anos como prometeu Fernando Moraleda. Esta situación foi comunicada polo SLG durante toda a semana pasada á Comisión de Seguimento que se constituíu na reunión do día 8 de setembro, sen que até o de agora houbese ningunha rectificación por parte das empresas. Non temos novas de que ningunha das persoas afectadas recibira ningunha nova comunicación por parte da empresa.
Ante esta situación, o Sindicato Labrego Galego esixe á Ministra de Agricultura e ao Secretario de Estado para a Agricultura actuacións urxentes e contundentes para que todas as empresas se acollan ao aprazamento, para que paralicen o cobro da supertaxa e, ao mesmo tempo solicita a convocatoria da mesa de negociación para acordar criterios de aplicación do aprazamento que garantan a igualdade de trato para todos os labregos e para todas as labregas afectados e afectadas pola supertaxa.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.