22-4-2004. O Sindicato Labrego Galego vén de presentar un escrito diante da Dirección Xeral de Saúde Pública, organismo dependente da Consellería de Sanidade, no que denuncia o perigo existente nas importacións de leite concentrado para as industrias lácteas españolas procedente doutros países da Unión Europea.
Dende o SLG sabemos que está entrando en España leite francés concentrado que se produce –incluído o proceso de reconstitución- a un prezo entre 18 e 19 céntimos por litro. Eses prezos demostran que ese leite non pode contar cos certificados hixiénicos e sanitarios pertinentes, xa que o leite garantido en Francia ten un prezo de 36 céntimos por litro.
Por estas razóns, o Sindicato Labrego Galego solicitou da Dirección Xeral de Saúde Pública que inspeccione como é debido ese leite, coa finalidade de asegurar que cumpre os mesmos requisitos e condicións que se lles esixe ás explotacións lácteas galegas. O SLG tamén esixiu que, a maiores, Saúde Pública garanta a seguridade alimentaria e a trazabilidade do leite en beneficio da cidadanía.
Dende o SLG, agardamos que a Administración Galega tome cartas neste importante tema como xa fixeron outras comunidades –nomeadamente Cantabria, onde un 10% do leite é importado- onde se someteu o leite importado a controis exhaustivos para evitar unha fraude que, con toda probabilidade, se está a dar tamén na Galiza gracias á permisividade da Xunta, e que pon en grave risco a saúde das persoas.
Ademais, a importación de leite ilegal a prezos tan baixos está cubrindo parte da demanda da industria, o que supón unha competencia desleal fronte ás explotacións lácteas galegas que teñen coutadas as súas posibilidades productivas por unha cota láctea inxusta e insuficiente, e que están obrigadas a costear tódalas esixencias hixiénicas e sanitarias establecidas pola lei en beneficio da cidadanía.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.